Definíndonos como da "Outrabanda", escoitando dous idiomas dende o berce e aprendendo despois
algún máis, sendo fillos de sureña e de norteño, tendo pasado a vida movéndonos dun lado para o outro,
mantendo no tempo amizades de bastantes deses lados... A necesidade, non só saber manexar as
diferenzas, senón de asumilas como naturais e enriquecedoras, chegou case de forma inevitable para
nós. Din os que nos coñecen que o instinto de intermediación e comunicación xurdiu de forma innata,
cando probablemente foi froito dunha sucesión de circunstancias, de momentos, de supervivencia
acadada por capacidade de adaptación.
Non por iso, sen embargo, consideramos nunca que había que desdebuxarse para encaixar, ou que
as ideas e as paixóns tiveran que desaparecer para querer agradar, pois son elas, realmente, quen fan
as persoas.
Posiblemente por iso temos na comunicación a nosa verdadeira vocación, vivimos e latimos para ela.
E tamén, debido a iso, o que pretendemos dende Outrabanda é transmitir a súa utilidade, guiando o
mellor que poidamos a quen se deixe polas súas ringleiras, que poucas veces son rectas.
Pero ademais, e igual máis importante, todo o anterior fainos entender moi ben as paixóns alleas.
E nunha noite como hoxe, sentimos a ledicia e a tristura, e temos o corazón partío. A rivalidade
lémbranos a comunicación, a comunicación lévanos ao importante de transmitir cada momento, e
transmitir cada momento á virtude de respectar dor e euforia. Lemos a Iolanda Zúñiga en Twitter afirmar
"O que uniu a AP-9 que non o separe o home”. Pois iso.
Parabéns, Celta! - Ánimos, Depor!
0 comentarios:
Publicar un comentario